Ao longo de dúas semanas, co motivo do Día da muller e a nena na ciencia (11F) tivemos a oportunidade de xogar ao Quen é quen das mulleres científicas españolas.
Como primeira parte do traballo, na semana previa ao 11 de febreiro, dende os diferentes departamentos traballouse co alumnado na busca de información dunha serie de mulleres científicas de diversos campos de estudo: biólogas, físicas, matemáticas, químicas… Coa información proporcionada polo alumnado creáronse fichas incluíndo os datos máis relevante sobre cada unha delas.
Mentres, dende o espazo de Polos Creativos do noso centro, creáronse uns taboleiros pequenos e un grande para xogar en grupos ao coñecido xogo, pero enfocado ás nosas científicas.
Na semana do 11F os diferentes grupos da ESO tiveron a oportunidade de xogar en grupos ao Quen é Quen nas súas horas de titoría. Entre eles xogaron en grupos cos taboleiros pequenos e finalmente a idea foi que xogasen todos eles, co taboleiro grande, a adiviñar a científica escollida polo titor ou titora.
Foi un achegamento moi entretido ao coñecemento de científicas moi próximas a nós, moitas delas aínda vivas e en activo.
Comentarios
Publicar un comentario