Celebración do 8M no IES Camilo José Cela

 Este ano, para os actos do Día das Mulleres, tivemos a sorte de que nos visitaran catro mulleres impresionantes que co seu labor diario rompen esquemas de perfís laborais tradicionalmente adscritos ao xénero masculino. Contáronnos como é o seu traballo a pé de obra, no mar e no agro.

  

Silvia González, delineante, Iria Gude, patroa de pesca de altura, Lorena Díaz, Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e Lilia Tarrío, autónoma agraria, falaron das súas experiencias laborais e vitais en campos tan diversos. Un grupo de mulleres que serve como exemplo e referencia importante para as novas xeracións.

Con motivo da celebración desta data tan sinalada no calendario de actividades do centro, tamén se levaron a cabo accións no marco das distintas materias. O alumnado de Filosofía de 1º de Bacharelato realizou un mural sobre A Muller ao longo da Historia da Filosofía, especialmente aquelas que tiveron que loitar para facerse un oco nun mundo dominado polos homes. A actividade estivo integrada no Proxecto de Inclusión Educativa (PIE), que se desenvolve no centro.


Na materia de Música, o alumnado de 4º de ESO B fixo unha recompilación de mulleres que destacaron ao longo da historia como compositoras e músicas, que tamén viron silenciadas as súas creacións e foron ignoradas nun mundo no que a composición e a interpretación musical estivo dominada e protagonizada só polos homes.

Na mesma materia de Música, o alumnado de 2º ESO B fixo un collage con fotos de mulleres que, por diferentes motivos marcaron o curso da historia.




Comentarios