O grupo de alumnos/as de filosofía de 4º ESO asistiu a unha sesión matinal de xuízos na Sala nº 2 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Padrón. A función deste tipo de institución xudicial é a de resolver os conflitos de carácter civil entre particulares. Mais tamén a de instruir ou investigar a través de actuacións destinadas a averiguar un determinado feito delictivo (que non exceda os cinco anos) e as circunstancias que o rodearon coa fin de preparar o xuízo oral. O seu ámbito limítase ao denominado partido xudicial que, neste caso é, Rois, Dodro, Rianxo e Padrón.
Grazas ás indicacións didácticas da xuíza María Esther Díaz Ces, da letrada da Sala e dos avogados/as intervintes nos catro procesos aos que asistimos puideron achegarse de modo directo aos procedementos básicos da administración da xustiza, os valores que a inspiran nos sistemas democráticos, o papel dos diferentes intervintes nos procesos xudiciais (incluída a figura do/a procurador/a) e os variados casos de litixio que son costume nun xulgado destas características.
Comentarios
Publicar un comentario