Onte fomos ao Salón Teatro a Santiago co alumnado de Bacharelato. Estivemos vendo A parábola do angazo de Talía Teatro, que por certo nos gustou bastante.
A obra, que toma o nome nunha anécdota que xa forma parte da nosa tradición, trata o tema da utilización da lingua galega e das situacións curiosas, chocantes e ás veces mesmo contraditorias que rodean ao noso idioma e o seu uso (ou non uso). Todo isto faise en clave de humor e poñendo de relevo os aspectos máis cómicos do asunto e cómpre salientar tamén a xenial interpretación por parte dos actores.
Tras un pequeno descansiño para tomar enerxía, acudimos á exposición sobre Federico García Lorca que se pode ver na Casa do Cabido e da que é comisario o tamén editor Henrique Alvarellos. Foi moi interesante, ademais da exposición en si, a explicación que nos ofreceron non só da figura de Lorca e do seu paso por Galicia, senón tamén da historia da propia casa.
Comentarios
Publicar un comentario