O martes 17 de outubro o grupo de alumnado de filosofía de 4º ESO participou nun encontro na aula co artista e youtuber deportivo Alfonso Blanco. A través dunha charla relaxada puidemos coñecer a traxectoria vital deste padronés apaixonado do deporte e da arte. Non en van, o noso convidado, ex alumno do noso centro, aprendeu escultura en Compostela, graduouse en Belas Artes en Pontevedra e continuou a súa experiencia formativa no campo da interpretación, ademais de ser un entusiasta practicante do fútbol e do ciclismo. Pero a súa verdadeira especialidade é a caricatura, que combina desde hai varios anos coa edición de vídeos de ciclismo en youtube a través da súa propia canle, LA GRAN COSA VERDE.
O obxectivo da actividade, integrada na programación da materia, é a de promover a reflexión sobre os condicionantes sociais da identidade persoal e os mecanismos inadvertidos propios dos medios de formación de masas así como orientar o alumnado para a elaboración dunha tarefa que vai ter como núcleo temático os influencers. Neste sentido, é grato advertir a cara invisible das redes e particularmente a dos creadores de vídeo que aspiran a ter unha recua cada vez máis numerosa de seguidores, aspiración que, por outra banda, pode converterse nunha perigosa fonte de estrés psicolóxico. Alfonso chegou tarde á rede pero considera que esta circunstancia foi positiva por canto lle permitiu decidir con prudencia o alcance que esta actividade ten na súa vida, sempre complementaria da súa actividade profesional.
Comentarios
Publicar un comentario