“ Que o teu espello sempre che devolva o teu sorriso”


O luns 20 de novembro, Tamara Blanco, Nicolás Maril e Sandra Méndez da titoría de 2º ESO A, desprazáronse a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela coa súa titora Sonia Rodríguez, profesora de Música, guía e artífice desta actividade, para recoller o premio que recibiron pola súa participación no concurso polo 25 N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, convocado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O xurado, que estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, recoñeceu a calidade técnica e creativa das propostas e tivo en conta a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte a violencia de xénero.

Baixo o lema “ Que o teu espello sempre che devolva o teu sorriso” presentouse o noso vídeo e proxectouse na sala de entrega do premio que recollemos de mans da Secretaria Xeral de Igualdade Sandra Vázquez Domínguez, que consistiu nun cheque regalo para cada un dos alumnos e alumnas integrantes do equipo gañador, valorado en 100€, para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico; e así coma nun lote de libro para o centro.



Foto de grupo de todos os premiados tanto en imaxes gráficas como nas pezas audiovisuais.



Comentarios