Peche do curso do 50 aniversario

O curso do 50 aniversario do IES péchase cun acto aberto a toda a comunidade educativa que forma ou formou parte do IES Camilo José Cela. O derradeiro día do curso, alumnado deste ano, pero tamén doutros cursos de hai moitos anos, xuntouse no Auditorio de Padrón con profesorado de hai anos e de agora para rememorar, no lugar onde estivo o primeiro edificio do instituto, a historia do IES Camilo José Cela.

Comezou Xosé Manuel González Reboredo, membro do Consello da Cultura Galega e antigo catedrático de Xeografía e Historia do centro, pronunciando unha lección final, onde disertou sobre a alimentación ao longo do tempo, un tema da historia cotiá pouco tratado.

Despois interveu a primeira directora do centro, Marisel Véliz, que achegou as súas vivencias nos inicios do instituto. A alumna da primeira promoción, Marisel Llerena e os alumnos da xeración que inaugurou o edificio actual, Manuel e Ricardo Babío Arcay, compartiron tamén as súas lembranzas. Despois, Chus Senín, ex-directora e profesora ata hai pouco no centro, deu paso a Anxo Angueira para que o escritor, académico e antigo alumno nos deleitase con recitados de versos seus e de Rosalía de Castro, ademais de lembrar a súa formación como alumno no IES.

E como remate do acto, proxectouse un vídeo sobre distintos momentos de reivindicación social vencellados á historia do instituto, realizado polo profesor Lois Gil Magariños:




Comentarios

  1. Parabéns! Por outros 50 anos máis!
    Foi un pracer formar parte do IES Camilo José Cela.

    ResponderEliminar
  2. Contenta de ter chegado aos 50 anos da nosa promoción, a do 67-74, e agradecida por contar conmigo neste evento.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario