Exposición, documental e charla sobre a trata de mulleres no Auditorio de Padrón polo CIM

O venres 4 de outubro e o luns 7,  alumnado de 4º de ESO asistiu a un encontro, organizado polo CIM de Padrón, onde se abordou o tema da trata de mulleres.

A actividade resultou moi interesante e necesaria. Primeiro houbo unha visita á pequena exposición de fotos onde se achegaron datos que ilustran a dureza da situación que viven as mulleres escravas de trata, así como todo o trasfondo tan arrepiante que hai detrás da industria da trata de mulleres. Posteriormente ampliouse a información co visionado do documental Chicas Nuevas. O alumnado quedou abraiado ao saber que España tristemente lidera a nivel europeo o infame ranking en consumo de prostitución. 

Nun pequeno debate posterior cuestionouse o papel das autoridades, que pechan os ollos e permiten a existencia de centros alumeados con rótulos luminosos onde escravizan as mulleres. Unha actividade de concienciación absolutamente imprescindible.

Tras a actividade ofrecida polo concello, o alumnado de 4º ESO B realizou unha serie de reflexións sobre a situación da prostitución na nosa contorna. Redactáronse unha serie de preguntas sobre isto e fóronlle trasladadas a Mariló Saco, concelleira de Asuntos Sociais no Concello de Padrón, quen nos recibiu no salón de plenos da casa consistorial o 28 de outubro.

A concelleira respondeu as nosas preguntas e demostrou o esforzo e compromiso da actual corporación, empeño que se traduciu en que de cinco clubs existentes hai poucos anos, se pasase só a un. A responsable municipal agradeceu o noso interese e animounos a seguir alerta ante unha situación da que nós mesmas podiamos ser vítimas.


Comentarios