O xoves 3 de abril, o alumnado de 1º e 2º de ESO participou nun programa sobre "Saúde mental na infancia e na xuventude". Neste programa, o alumnado recibiu unha charla centrada nas autolesións e na prevención do suicidio, impartida pola Fundación Amigos de Galicia, concretamente pola psicóloga Carla Rodríguez, quen abordou temas clave como a detección temperá de sinais de alarma para identificar estas situacións, o acompañamento emocional e os recursos e ferramentas dispoñibles para as persoas que están a atravesar momentos de sufrimento psicolóxico. Un dos fins desta charla é saber actuar se algunha vez se atopan nunha situación deste tipo ou descobren que alguén do seu contorno precisa axuda.
Ao longo da xornada, fíxose especial fincapé na importancia de rachar co estigma arredor da saúde mental, fomentar a escoita activa e promover un ambiente de apoio e comprensión. Tamén se ofreceron ferramentas prácticas para identificar condutas de risco e se informou sobre liñas de axuda e servizos especializados.
O encontro resultou moi enriquecedor e necesario, xerando un espazo seguro para o diálogo, a reflexión e o compromiso do alumnado na prevención do suicidio.
Comentarios
Publicar un comentario