Roteiro por Compostela: Biblioteca América, Libraría Couceiro, Parque de Bonaval e Museo do Pobo Galego

O alumnado de 1º de ESO desfrutou, o derradeiro martes do curso 2025-2026, cun día espléndido de calor, dunha xornada con distintas actividades pola cidade de Santiago de Compostela. Foron acompañados por dúas alumnas de 4º de ESO participantes no Club de lectura, que colaboraron no roteiro literario que realizaron.

Comezaron a xornada coa visita á Biblioteca América da USC, descubrindo un espazo histórico e realizando un achegamento á cultura do libro e das bibliotecas. Contaron coa axuda de Javi, un estupendo guía!
Mentres un grupo realizaba a visita, o outro completou un roteiro literario polo casco vello, onde descubriron moitas sorpresas. E despois dirixíronse á Libraría Couceiro, onde o seu responsable, Pablo, os instruíu na arte da encadernación e en curiosidades sobre a elaboración dos libros.
 

E a mediodía, desfrutaron do bo tempo cun xantar no Parque de Bonaval, xusto antes de visitar o veciño Museo do Pobo Galego. En definitiva, unha xornada intensa e entretida para rematar o curso!
 





Comentarios