Charla sobre a adolescencia


O alumnado de 3º da ESO recibiu dúas charlas, organizadas pola ANPA, sobre a adolescencia. Leváronse a cabo o 18 e o 25 de febreiro.

Durante as dúas sesións traballaron diferentes contidos vinculados ao proceso de medrar e protagonismo social na etapa adolescente.

Ao longo dos encontros abordáronse, mediante diferentes recursos participativos e grupais, cuestións relacionadas co proceso de medrar, a construción da autonomía e a importancia dos límites, entendidos como elementos fundamentais para o desenvolvemento persoal nesta etapa evolutiva. Así mesmo, traballaron aspectos vinculados coas relacións entre iguais, as cuestións de xénero e a reflexión crítica ante os discursos de odio, poñendo o foco na importancia do encontro, o respecto á diversidad e a construción dun pensamento crítico que permita á mocidade situarse con maior liberdade fronte ás presións e dificultades da contorna.
As sesións desenvolvéronse nun clima de participación activa e de escoita, amosando o alumnado unha actitude moi positiva cara á tarefa proposta e o espazo de reflexión grupal. Durante o traballo recolléronse diversas intervencións que evidencian que os contidos estaban sendo elaborados polo grupo. Entre outras cuestións, as e os estudantes sinalaron nas súas propias palabras ideas como:
  • a importancia de non situarse como “maiores para unhas cousas e non para outras”, recoñecendo as responsabilidades que implica o crecemento;
  • a relevancia de ir construíndo autonomía persoal;
  • a necesidad de atravesar certos desprendementos propios do proceso de medrar;
  • ou a importancia de non reproducir de forma acrítica aquilo que o sistema ou a contorna social expón, senón poder pensar e posicionarse de maneira máis consciente.
En conxunto, ambas sesións permitiron abrir un espazo de reflexión que favoreceu a participación, a elaboración colectiva e a apropiación dalgúns elementos que poden contribuír ao fortalecemento dp pensamento crítico e ao desenvolvemento persoal do alumnado.
A valoración global da actividade foi moi positiva, tanto pola implicación amosada polo grupo como pola calidade das reflexións que xurdiron durante o traballo.











Comentarios