Esta actividade consistiu basicamente nunhas pequenas charlas monográficas dirixidas ao alumnado dos dous grupos de 3º ESO e que tiveron como temas o Trastorno de Atención e Hiperactividade (TDAH), os TEA (Trastorno de Espectro Autista) e Síndrome de Tourette.
Noa e Claudia prepararon a presentación sobre TEA desde o máis absoluto descoñecemento e confesan que a axuda de Alba Otero, ex alumna do centro e habitual colaboradora de Lois, foi complementaria e indispensable para achegarnos á realidade cotiá e as vivencias dunha persoa con autismo. Tamén expresan a súa satisfacción polo interese amosado polo grupo e as numerosas preguntas formuladas polos estudantes.
Emir e Nico encargáronse do Trastorno TDAH e destacan o dobre interese da actividade, tanto polo que atinxe á experiencia formativa propia como a función de normalización que esta actividade puido ter neste alumnado da ESO. Debido ao interese didáctico o ton da presentación foi ameno e adaptado a un público cunhas especiais características; por esa razón incidiuse no aspecto visual máis ca nunha exposición teórica e sistemática.
Lucía e Carla foron as encargadas de facer accesible a información relativa ao Síndrome de Tourette. Insisten en que o obxectivo foi o de coñecer o trastorno e a xente que o padece para que deixe de ser un tabú e fonte de conflito. Por iso valoran o seu traballo desde a óptica de alguén que se adentra nunha problemática descoñecida co afán de facilitar o seu coñecemento público e contribuír á convivencia cívica.
Agradecen desde aquí a supervisión e suxestións realizadas por Irene, do departamento de Orientación e, como non, ás correccións complementarias feitas sobre a marcha de Alba Otero.
Comentarios
Publicar un comentario