25 N


O día 24 dende moitos espazos do IES reflectiuse o rexeitamento á Violencia de Xénero con diversas actividades: as conserxes adornaron o vestíbulo e as ventás da administración; ao seu carón, decorouse unha columna co lema “As nenas de hoxe serán a luz de mañá”; as paredes do Recuncho violeta foron vestidas polo alumnado de 1º e de 4º da ESO cun número de siluetas representativas das mulleres asasinadas neste ano co lema “+53 CAMBIEMOS EL SIGNO -53”, pensado polo alumnado de 3º.

Dende a Biblioteca ofertáronse diferentes libros: novelas, ensaios, cómics e obras teatrais sobre feminismo, machismo...


No corredor da planta baixa, nunha cortiza, púxose este mural do alumnado de 1º de Francés.


Este alumnado tamén saíu do centro nunha pequena manifestación polo Espolón.


O alumnado de Latín de 4º ESO e de 1º Bacharelato realizou un mural con exemplos de violencia cara a muller no mundo antigo. Nel recolleron casos reais que coñecemos grazas aos restos arqueolóxicos conservados: dous epitafios de mulleres romanas asasinadas polos seus maridos.


A medio camiño entre o mito e a historia está a violación e o posterior suicidio de Lucrecia, unha moza romana cuxo sufrimento deu como resultado unha rebelión popular contra a monarquía, instaurándose deste xeito o réxime republicano en Roma.

No eido da mitoloxía son moitos os exemplos de violencia contra a muller, pero como había que escoller, o alumnado traballou especificamente o mito de Tereo, Procne e Filomela, e máis o de Medusa e Perseo. Este último está de plena actualidade, logo de que Luciano Garbati, un artista arxentino, realizase hai escasos anos unha escultura na que é Medusa quen corta a cabeza de Perseo, como vinganza por todo o maltrato que sufrira: tras ser violada por Poseidón, Atenea convertéraa en monstro, coma se ela tivese algo de culpa, e finalmente fora Perseo o encargado de darlle morte.
Mediante esta actividade, o alumnado de latín realizou unha aproximación á violencia contra a muller no mundo antigo, tomando conciencia dende outro punto de vista dun problema que leva séculos sen resolverse. Tamén dende o estudo das linguas clásicas dicimos non ao maltrato, e non á violencia.

No primeiro recreo, Clara Lamas, Jhoscar A. Guerra (ambos de 4º da ESO), Lucía Casal e Nadia Martínez (de 1º Bacharelato) expuxéronos o seu traballo que se recolle neste vídeo:

De 2º de Bacharelato, a alumna Antía Méndez ofreceunos o seu traballo: “A reivindicación de Artemisia Gentileschi”, informando da vida, violación, obra pictórica e xuízo desta pintora:





Comentarios