Excursión a Andorra



O luns 11 de decembro, algúns dos nosos alumnos de 3º e 4º da ESO iniciáronse no deporte do esquí e outros continuaron na súa aprendizaxe porque xa foran o ano pasado. Sobre as nove da mañá preparábanse para as ensinanzas na estación Grau Roig que tiña pouca neve pero válida para os principiantes.

O noso informante redactou:

“Tras cruzar o norte de España chegamos a Andorra cun pequeno virus no bus que non esgotou o esquí durante as dúas primeiras sesións. Os nenos e nenas están incansables e piden esquiar sen descanso. Entre caída e caída, o nivel mellora considerablemente, mentres un despistado esqueceu levar carteira, gafas, mochila… 

Mañá espéranos unha boa sesión de spa, onde a xente que vai relaxarse, acordarase de nós durante un tempo.”


Sobre as cinco da tarde, as nosas fontes informáronnos de que gozaron moitísimo, que o pasaran de medo, que non sufriran ningún contratempo, que o seu comportamento era exemplar (nas mentes do profesorado pensábase: que sigan así), que o virus non fixo estragos porque estiveron esquiando e tirando bólas coma se nada… Nesta primeira xornada, uns cansaron máis ca outros: o madrugar tanto, a viaxe, a novidade…

O martes, sabemos que as pequenas molestias do estómago non lles afectan demasiado, que as comidas son boas e variadas, que os nenos seguen portándose ben, que apareceu a carteira perdida (todos coñecemos como pode ser o cuarto dun adolescente); motivo que xurdiu para darlle un premio a quen teña a habitación máis ordenada. Van cumprindo. Isto non hai quen o pague.


Cando estabamos celebrando en Padrón o ben que ía todo e pedimos algunha anécdota curiosa, chegounos a noticia de que a profesora quedara encerrada na súa habitación dúas horas e media. Cando puido saír, tras a visita do cerralleiro, a ovación dos rapaces no comedor foi incrible, emocionándoa sensiblemente. Tras un día esgotador, chegou a hora da piscina e o jacuzzi.

O mércores aínda pulula o virus, leve: dura un día. Algúns rapaces renuncian a esquiar e outros aproveitan todo o que poden. Os tres profesores están encantados do seu comportamento. Nevoulles arriba, tiráronse bólas...

Recollemos outra anécdota: na saída dos rapaces por Andorra pola tarde, atopáronse cun youtuber moi famoso que ten miles de visitas: The Grefg, que estaba facendo un directo en Instagram, co cal participaron no seu vídeo. Mentres que eles e elas festexaban tan feliz encontro, volvíanse tolos por fotos, autógrafos e vídeos, as súas caras reflectían unha felicidade absoluta (xa tiñan algo emocionante que contar) pero o nome do streamer trouxo problemas ao profesorado -descoñecedor tanto de tal figura célebre coma de como escribilo- (Démonos conta nese momento de que vivimos noutra realidade). Tiveron tal sorte que xa é a segunda vez que coinciden cun youtuber: o ano pasado uns poucos atopáronse ca ex noiva de The Grefg: Gemita.

Chegounos outra redacción do noso informante:

“Chegamos ao ecuador da aventura co virus aínda presente, pero co alumnado moi motivado e comezando a saír por pistas e mellorando considerablemente a súa técnica.

Sinalar a desaparición da profesora , cando despois dun bo rato, todos pensabamos que estaba tomando unha merecida sesta despois de sete horas de esquí diarias. A verdade era que levaba dúas horas encerrada, a ovación que recibiu cando chegou á cena foi superior aos berros que fai o alumnado cando falta un profesor a última hora, incrible!

O xoves espertan nevando. A temperatura, antes de ascender a estación de esquí marca -4 (sensación térmica de -10; loxicamente non están en Benidorm).


Os máis audaces atrévense co snow skateboard mentres outros andar a arrincar carámbanos. Hoxe non nos chegan noticias do informador. Cremos que están aproveitando o pouco tempo que lles queda.

Por fin, o venres pola mañá, comunícannos que tiveron festa e van rendidos no bus; na tardiña soa o whatsapp do móvil. Son as novas do informador:

“A viaxe chega ao seu fin! Excursión de 10. O comportamento do alumnado foi magnífico; tiveron unha extraordinaria relación entre eles e mostraron unha boa dinámica durante toda a semana. Todos os aparellos perdidos volveron cos seus donos e non tivemos que pisar a enfermería!

Espérannos 14 longas horas, entre anécdotas que non sairán de aquí, farán que a viaxe sexa máis agradable.”

Non podiamos rematar este caderno de bitácora sen a última anécdota: quedou unha maleta no hotel. De quen será?


Comentarios