EXCURSIÓN A PORTO E VIANA DO CASTELO (Proxecto Terra)

O xoves 6 e o venres 7 de xuño, os alumnos de 3º de ESO e un grupo de 1º de Bacharelato do centro fixemos unha saída cultural a Porto e Viana do Castelo dentro do programa Proxecto Terra, no que o centro leva participando desde hai moitos anos.

Esta visita completa o programa académico desenvolvido nas aulas de IDENTIDADE TERRITORIAL. Este organízase en dúas fases: na primeira, os alumnos traballan sobre a contorna máis próxima desde a multidisciplinariedade (topografía, xeometrías do espazo e das construcións, clima, hidrografía, poboamento, toponimia, lendas e tradicións, patrimonio...); na segunda, estudan a evolución do poboamento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desde a prehistoria até os nosos dias. Trátase de que os alumnos identifiquen os elementos de identidade comúns deste territorio: xeografía, clima, historia, poboamento e, culturalmente, o máis permanente e identificable, o idioma. As explicacións dos guías foron realizadas en portugués sen que isto supuxese ningún problema de comprensión para os alumnos.

Na mañá do primeiro día visitamos a Fundación Serralves. Esta ten a súa orixe nunha inmensa finca axardinada, presidida por unha impresionante mansión modernista. Nesta, Álvaro Siza deseñou o edificio do Museo de Arte Contemporánea, coa particularidade de que o edificio está completamente camuflado pola vexetación, non sendo visible desde ningún punto da mesma. O museo alberga importantes coleccións.

O resto do día fixemos percorridos por Porto, primeiro en autobús e logo a pé. Fomos acompañados por expertos guías locais que nos explicaron a orixe e a evolución urbana da cidade. Xa pola tarde, atravesamos a pé a ponte de ferro de Don Luis I polo paso superior e, desde Vila Nova de Gaia, collemos o autobús para pernoctar no albergue en Espinho.

No segundo día fixemos un traxecto no metropolitano de Porto desde o porto de Leixoes até a parada da Casa da Música, edificio fantástico. Ten forma de poliedro irregular e semella unha construción imposible. Nesta visita explicáronnos as particularidades do edificio e das súas estancias, facendo fincapé na extraordinaria acústica, que o sitúa nun dos mellores do mundo por esta característica.


Xa pola tarde visitamos Viana de Castelo e, como non, subimos ao monte de Santa Lucía para gozar da impresionante paisaxe que se divisa desde esta cima. Aproveitamos para recordarlles aos alumnos que ademais do Santuario, o monte está coroado por un castro ou citania como lle chaman en Portugal. Logo dun tempo de asueto para alumnos e profesores, emprendemos a viaxe de volta a Padrón. Cerca de Ponte de Lima pillounos unha “DANA” e aquelo parecía o diluvio universal. Outra pequena continxencia da viaxe foi que a cea do primeiro día e a comida do segundo, que estaban debidamente contratadas, non estaban e houbo que improvisar. Son cousas do “directo” que dicían antes na TV cando se producía calquera contrariedade. Con todo, pensamos que se cumpriron os obxectivos didácticos programados e que a saída resultou grata tanto para alumn@s como para os profesor@s acompañantes.

O Proxecto Terra está coordinado actualmente polo profesor de Xeografía e Historia Francisco Pérez Boo.

Comentarios